A deriva sanitaria de Unidas Podemos
O xurdimento de Podemos levantou grandes expectativas entre sectores populares. Por fin un partido que se ía enfrontar cos poderosos para solucionar os problemas estruturais do país, da vivenda á sanidade, pasando polas pensións.
A historia repítese, e o importante é non esquecer as leccións. Nos anos 80, cando o PSOE chegou ao poder coa axuda dos movementos sociais, cun programa cheo de promesas contra os poderosos, produciuse a mesma efervescencia social. Porén, o que tivo lugar foi a reconversión industrial máis brutal levada a cabo no Estado español. O PSOE, fiel ao seu papel, deseñado polos grandes lobbies de poder, executou as medidas que a dereita da UCD e AP non eran capaces de aplicar. Ao mesmo tempo, desmantelou as ameazas de mobilización pola vía da billeteira e mediante a colocación a dedo, nas decenas de empresas públicas que se crearon baixo o seu goberno, de gran parte dos líderes dos movementos veciñais e sociais da época.
Hoxe, a historia repítese. A actual ministra de Igualdade formou parte da plataforma Matusalén, que xunto a CAS liderou entre 2005-2012 a loita pola derrogación da Lei 15/97. Daquela, Irene Montero participou na campaña pola derrogación da Lei 15/97 que logrou presentar 500.000 sinaturas no Congreso, co PSOE de Zapatero no goberno. Porén, desde a chegada de Podemos ao Goberno, foi arrecunchando e agochando as propostas coas que engaiolou a parte da poboación… para esquecela en canto pisou moqueta e coche oficial.
Así, no seu programa electoral de 2014, denominado «Gobernar para la gente» 1 , Podemos esbozaba:
– «Procederemos á revisión dos procesos privatizadores do sistema público de saúde emprendidos a nivel autonómico para reverter os devanditos procesos na medida do posible.
– Poremos en marcha un Plan de Reversión ao Sistema Público de Saúde dos Centros e Servizos privatizados, e levaremos a cabo un control exhaustivo do cumprimento dos contratos, as penalizacións e os beneficios das concesionarias.
– Promoveremos a recuperación inmediata dos servizos externalizados, como a lavandaría central, o mantemento, as doazóns de sangue, etcétera.
– Fomentaremos e reclamaremos, desde as comunidades autónomas, a derrogación da Lei 15/97, así como daqueloutras que permitiron a privatización destes servizos.
– Reduciremos as listas de espera. Dotarase ao sistema público de saúde dos recursos necesarios para atender as intervencións cirúrxicas de urxencia, sen que haxa unha derivación á sanidade privada.
– Farmacia: Impulsaremos a fabricación de medicamentos xenéricos que sexan beneficiosos para os enfermos que teñen que afrontar tratamentos custosos (como a hepatite C).»
En decembro de 2015, xa desaparecera do seu programa electoral calquera referencia á privatización da sanidade 2 , pese a que a súa responsable de sanidade, Ana Castaño, aínda defendía a derrogación da 15/97 vía Twitter:
Apenas un ano despois, en 2016, no seu programa electoral «Cambiar España: 50 pasos para gobernar juntos» 3 , en colaboración con Izquierda Unida, a nova marca Unidos Podemos eliminou definitivamente do seu programa electoral a derrogación da Lei de Privatización Sanitaria (15/97), aínda que seguía prometendo:
– «Defensa do carácter público do sistema nacional de saúde.
– Poñer freo á mercantilización e á privatización da sanidade. Adoptaremos medidas urxentes para protexer este patrimonio común fronte á súa privatización, como é, por exemplo, a substitución da normativa vixente —que favorece a expansión da xestión privada da sanidade— por unha que se basee na xestión pública directa.
– Tempo máximo dun mes para as listas de espera de calquera especialista ou de operacións relacionadas con patoloxías graves».
Curiosamente, naquela época, ao mesmo tempo que Unidos Podemos renunciaba a derrogar as leis privatizadoras, acusaba ao PSOE de vender fume se non derrogaba a 15/97:
O que volvía defender en 2019:
Hoxe sabemos a realidade. Unha vez establecidos no poder e cambiado o piso de barrio obreiro por chalé en zona exclusiva, as promesas quedan en promesas e a privatización avanza, iso si, co seu beneplácito. Agora, Unidas Podemos aprobou as conclusións do Acordo de Reconstrución da Sanidade con PP e PSOE. Acordo no que non se menciona nin unha vez a palabra privatización (o que non se menciona, non existe), e no que anuncian a “reestruturación do Sistema Sanitario“, é dicir, máis xestión privada, máis obxectivos económicos no lugar de saúde, máis beneficios privados e máis deterioro do sistema público. E agora coa súa participación inestimable.
A nivel autonómico a situación é un reflexo. No caso da Comunidade de Madrid, a “oposición de esquerdas”, formada polos privatizadores do PSOE e os asaltaceos de Unidas Podemos e Más Madrid, estiveron estes meses (mentres os traballadores do sector advertían do que viría se non se interviña) máis interesados no reparto de poltronas ante unha eventual moción de censura que en solucionar os problemas que ao final estouparon e auguran un novo colapso do sistema sanitario. Agora chaman a mobilizacións. Coa súa inacción colaboraron co deterioro do sistema sanitario estes meses, e con todas as medidas privatizadoras que aplicaron o goberno rexional de Ciudadanos e o PP.
Todos estes partidos, tan constitucionalistas, poderían ter esixido a aplicación do artigo 13 do Decreto de Estado de Alarma de marzo de 2020 4 —que facultaba ao Ministro de Sanidade para intervir, ocupar e requisar todo tipo de empresas e hospitais privados— para evitar unha nova masacre nas residencias de anciáns. Poderían ter intervido a sanidade daquelas comunidades autónomas que, aínda coñecendo o que había que facer desde xuño para previr a nova vaga, se dedicaron a repartir a cachón o noso diñeiro entre os de sempre. Todos estes partidos poderían ter modificado as leis estatais que permiten a rapina mediante a asignación, por vía de urxencia e sen publicidade ningunha, de inxentes partidas orzamentarias (extraídas dos petos dos de sempre), para seguir engordando os beneficios das empresas por todos coñecidas que se están lucrando con esta pandemia.
Non nos serven os falsos pretextos que xustifican, por acción ou omisión, ao suposto goberno «progresista», baixo o discurso de que «coa dereita sería aínda peor». Temos o dereito e queremos un sistema sanitario á marxe do lucro e do negocio, que garanta a atención sanitaria en tempos adecuados para todxs.
Para isto é necesario seguir na mesma liña de denuncia dos recortes e privatizacións, tanto de quen as executan, como de quen as permiten ao manter cos seus votos as leis privatizadoras. É necesaria a unidade de todos aqueles grupos e colectivos que asuman uns puntos básicos5 en todo o Estado.
Só o traballo organizado na rúa e desde a base fortalecerá o poder da clase traballadora e do pobo fronte aos postulados populistas da extrema dereita. Calquera avance das condicións de vida dos sectores populares arrancarase aos poderosos desde a mobilización continuada.