Epidemia de saqueos. Fóra ladróns da sanidade!

Last modified date

Nestes meses, políticos de todas as cores tomaron medidas contrarias ao que dita o sentido común e o que clamaban os traballadores sanitarios. Aplicáronnos, como veñen facendo desde hai anos, a medicina equivocada. Non se potenciou a atención primaria, nin os laboratorios, nin as UCI. Non se contrataron os rastreadores necesarios, nin se incrementaron os xa escuálidos cadros de persoal. Os miles de millóns de euros, extraídos dos nosos impostos e repartidos entre as diferentes administracións sanitarias non serviron máis que para encher as contas bancarias das empresas e personaxes que levan anos esquilmando a sanidade. Todo legal grazas a que uns executan as medidas que levan ao desmantelamento e ao colapso dos dispositivos sanitarios e outros as permiten, ao manter o armazón legal. Con todo, os sectores máis dinámicos estouparon en barrios, vilas, cidades.

Puidemos comprobar que nin o masacre das residencias, nin os mortos producidos pola falta de resposta do sistema a outras patoloxías, lles importan. Agora, de novo, é moi probable que os que estean en primeira liña poidan verse de novo obrigados, por falta de medios, a decidir a quen tentar salvar a vida e a quen non. Leváronnos á segunda vaga con premeditación; non é incapacidade.

Podémonos indignar, pero non abonda. De novo haberá mortos que poderían evitarse, centenares de miles de traballadores ao paro, desafiuzamentos, pobreza, dor, sobre todo repartida entre os de sempre, a clase traballadora. E o sistema sanitario sairá máis desmantelado aínda, con pavorosas listas de espera, e os seguros privados fregándose as mans ante o negocio que se lles abre perante os seus ollos.

Este é un problema noso; se o deixamos nas mans de quen nos trouxo a esta situación, arrepentirémonos. Agora máis que nunca, é unha necesidade saír á rúa para expulsar aos ladróns e defender o sistema público de saúde. O vindeiro sábado 17 de outubro, organízate no teu barrio ou localidade, sal á rúa, a loita é o único camiño.

Nunca máis mortos evitables!
Nunca máis negocio coa sanidade!
Derrogación da lei 15/97 e do artigo 90 da Lei Xeral de Sanidade!

Share