Basta xa de enganos. Xogamos a vida e o Sistema Sanitario
Só a derrogación das leis privatizadoras e a blindaxe da sanidade pública evitarán o desmantelamento que preparan.
Case un ano despois do inicio da pandemia e xa na terceira vaga, os peores augurios confirmáronse. Mentres a maioría da poboación condena a xestión da crise e o sistema sanitario público está en shock, é innegable, como xa denunciabamos, que a pandemia foi unha oportunidade de negocio para os de sempre 1 , ao tempo que permitiu dar unha nova volta ao parafuso no proceso de privatización da sanidade.
O que podía ser unha oportunidade para rescatar a sanidade pública converteuse en negocio e espectáculo. Con todos os partidos políticos de acordo 2, cada un volveu ao seu papel. A dereita aproveita para degradar aínda máis os centros públicos privatizando calquera actividade sanitaria; mentres, a esquerda institucional mira para outro lado permitindo que a dereita faga o traballo sucio. As enormes listas de espera e a falta de resposta do sistema público deron un novo empurrón a centos de miles de persoas cara os seguros privados 3.
Todo isto ocorre, ademais, cando afunden as condicións de vida de millóns de persoas: espéranse novos recortes nas xa moi precarias pensións públicas e esténdese a traxedia do paro masivo coa súa compaña de desafiuzamentos, amontoamento, cortes de luz, auga e gas por impagos e desesperación cotiá nos barrios obreiros; precisamente nos que se ceba a pandemia polo Covid 19.
Ao mesmo tempo, os gobernos de todas as cores están aproveitando esta situación para impoñer medidas represivas que doutra forma terían unha forte contestación social. Co pretexto do virus, militarizan as nosas rúas, e o control social da poboación é un feito que se incorporou á nosa normalidade cotiá con escaso cuestionamento. A experiencia doutros países demostrounos que, a maior debilidade dos sistemas sanitarios, máis necesidade tiveron de aplicarnos confinamentos medievais. Curiosamente hai dispoñibilidade económica para toda esta despregadura, pero non para proporcionar aos centros sanitarios públicos os recursos necesarios (espazos, persoal, equipos de protección individual, etc.) para atender adecuadamente esta pandemia. Todo isto mentres a miseria enseñórase da vida de millóns de persoas. Queremos medidas sanitarias e sociais, non policiais.

Neste punto reafirmámonos: mentres o goberno “máis progresista da historia” manteña as leis privatizadoras, nada do que a dereita fai a diario é ilegal, e continuará o desmantelamento da sanidade pública e o lucro privado. En efecto, absolutamente nada do masivo transvasamento de diñeiro público ao capital realizado en diferentes CCAA (construción de hospitais innecesarios, cesión a empresas privadas do rastrexo, as inmunizacións, especulacións con fármacos innecesarios 4…) é ilegal xa que está sostido por leis de ámbito estatal que o permiten.
Mentres, a “esquerda do capital” dedicouse ás performances máis variadas, dirixindo a atención da poboación cara os executores do desastre, agochando habilmente a quen moven os fíos do proceso de destrución da sanidade. Seguir facendo teatro de rúa contra a dereita para ocupar páxinas de xornais non é máis que unha manobra de distracción. A única forma de recuperar o sistema sanitario público é obrigar a todos os partidos a blindar a sanidade contra o ánimo de lucro, e potenciar a atención primaria e a saúde pública. Todo o demais é puro espectáculo para autocompracencia.
Agora anuncian 8.000 millóns de € dos fondos da UE, seica “para reforzar os servizos públicos”, cando o previsto é que se destinen á “colaboración público-privada”. Ese eufemismo, que xa coñecemos ben, significa que, se non o evitamos, a sanidade pública seguirá agoniando, mentres as grandes corporacións serán as principais beneficiarias do fondo europeo de recuperación económica. Un inmenso bazar está en marcha.
Levamos case 20 anos denunciando a privatización da sanidade e aos seus responsables, e a “esquerda do capital” négase a eliminar as causas. Non podemos seguir facendo mala medicina. Hai que actuar sobre as causas de raíz e abrir un debate en todo o Estado sobre o modelo sanitario que queremos, que debe empezar por garantir a asistencia sanitaria de calidade para todas as persoas, democratizando o sistema e centrándoo nos determinantes sociais, económicos e ambientais da doenza.
O sábado 27 de febreiro vémonos nas rúas:
- Fronte á privatización, sanidade pública.
- Pola derrogación das leis privatizadoras (15/97 e artigo 90 LXS). Rescate do privatizado.
- Non ao peche de centros sanitarios.
- Por un sistema sanitario xestionado democraticamente centrado na prevención e na saúde colectiva.
Referencias
- A crise do Covid como oportunidade de negocio. Setembro 2020. https://www.casestatal.org/es/2020/09/la-crisis-del-covid-como-oportunidad-de-negocio/
- PSOE, PP e Podemos acordan un Pacto de Estado para facer «reformas estructurais» no Sistema Nacional de Saude. Agosto 2020. https://www.casestatal.org/es/2020/08/psoe-pp-y-podemos-acuerdan-un-pacto-de-estado-para-hacer-reformas-estructurales-en-el-sistema-nacional-de-salud/
- A falta de datos para 2020, en 2019 xa había 12,7 millóns de persoas con seguros privados de saúde, ademais duns 5 millóns de asegurados con pólizas dentais.
- Remdesivir, de Gilead, antiviral utilizado na atención hospitalaria ao prezo de 2.083 euros por paciente, ten uns custos de produción de 6€. https://www.agenciasinc.es/Opinion/Con-el-precio-del-remdesivir-la-historia-se-repite