A loita pola Sanidade Pública e Universal é tamén a loita antifascista

Last modified date

Comunicado de CAS sobre os graves acontecementos ocorridos na manifestación de Madrid

Na manifestación convocada hoxe en Madrid xunto con outras 60 cidades e vilas de todo o Estado pola Coordinadora Antiprivatización da Sanidade (CAS), producíronse graves acontecementos que, máis unha vez, poñen en dúbida o papel da policía. Novamente asistimos a comportamentos por parte das «forzas de seguranza» de protección dos fascistas e agresión cara ás manifestacións pacíficas.

Pouco antes das 12 da mañá, hora prevista para o inicio da manifestación, comunicada e permitida pola Delegación de goberno, irromperon nela dúas ducias de integrantes do grupo neonazi Bastión Frontal, coa súa indumentaria característica e en actitude provocadora. Entre eles puideron ser recoñecidos varios participantes do acto de exaltación da División Azul celebrado recentemente.

Lembramos que este grupo é considerado pola propia policía como o máis agresivo dos existentes, adestrado en artes marciais e que practica a violencia criminal nas rúas, acosando e agredindo a menores inmigrantes. Este grupo declárase seguidor dos fascistas gregos de Amencer Dourado, condenados por varios asasinatos.

Cando as persoas representantes de CAS comunicaron á policía a gravidade da situación e a necesidade ineludible de que actuase para disolvelos e impedir a súa presencia na manifestación, o acordo foi que os axentes os manterían confinados á rúa Aduana, mentres a manifestación iniciaba o seu percorrido pola rúa Peligros cara a rúa Alcalá.

Cando a manifestación avanzara uns centos de metros pola rúa Alcalá, púidose comprobar que o grupo neonazi xa estaba situado na confluencia da rúa Peligros con Alcalá, sen que a policía fixese nada por impedir o seu avance.

Ante esta situación de incumprimento do acordado por parte da policía, de indefensión flagrante da manifestación e da actitude permisiva dos axentes cos fascistas, o servizo de orde da manifestación volveu sobre os seus pasos para intentar conter e dispersar aos fascistas e asegurar así a protección da manifestación.

A intolerable actitude da policía foi a de protexer aos fascistas e cargar a empurróns contra os nosos compañeiros e compañeiras. Vivíronse momentos de gran tensión nos que os violentos empurróns dos axentes fixeron caer ao chan a varias persoas que sufriron magoaduras diversas. Outros moitos, persoas maiores, fuxiron dunha violencia totalmente inesperada.

Neses momentos foi detido o noso compañeiro Santiago de la Iglesia, secretario xeral do sindicato CGT SOV do sur de Madrid. No momento de escribir este comunicado, Santi foi posto en liberdade sen cargos.

Cando se recriminou á policía a súa actuación, a resposta foi que «eles tamén tiñan dereito a manifestarse e que o seu deber era protexelos». Estas afirmacións son absolutamente inaceptables porque, precisamente, a comunicación á Delegación do goberno ten por obxecto evitar a confrontación entre manifestacións de signo contrario e asegurar o libre e seguro exercicio do dereito de manifestación nun lugar e a unha hora determinados por parte de quen os comunican, e neste caso ademais coa confirmación explícita por parte desa delegación.

A Coordinadora Antiprivatización da Sanidade denuncia ante a opinión pública —a Lei Mordaza fai que a nosa hipotética denuncia xudicial sexa papel mollado fronte á palabra da policía — a vulneración flagrante do dereito de manifestación que sufriu por parte da Delegación de goberno, a detención arbitraria de quen pretendía garantir a seguridade da manifestación ante a inacción flagrante da policía e as agresións sufridas por diferentes integrantes do servizo de orde da manifestación por parte do corpo armado.

CAS súmase así ás numerosas voces que denuncian os ataques sistemáticos e impunes por parte dos aparatos do Estado aos dereitos fundamentais de membros de organizacións populares ou persoas individuais que expresan a súa indignación ante o atropelo sistemático dos seus dereitos laborais e sociais e por condicións de vida insoportables.

Hoxe vivímolo nas nosas carnes, precisamente cando denunciabamos o desmantelamento planificado da sanidade pública para asegurar os beneficios da sanidade privada e do capital, coa connivencia dos gobernos autonómicos e estatal de todas as cores políticas.

Esixiriamos a destitución do Delegado de goberno en Madrid se crésemos que existe algo parecido á dignidade ou ao sentido da xustiza nos nosos gobernantes. Estamos convencidos de que non é así.

Non nos calarán nin nos deterán; ao contrario, as razóns polas que loitamos son aínda máis fortes. Rodearemos a Santi con toda a nosa solidariedade e o noso agradecemento polo seu digno comportamento e polo seu sacrificio.

A loita continúa e é o único camiño.

Share