Sobre a lei de ratios de enfermería

Last modified date

  • Por unha lei íntegra, completa e con garantías de viabilidade.
  • Reducir a mortalidade aforrando gasto público.
  • A ley de ratios volve abandonar aos anciáns das residencias e centros sociosanitarios.

É de sobra coñecido que un dos factores que máis inciden no incremento da mortalidade nos centros sanitarios é a elevada presión asistencial que sofren os profesionais. Tamén é coñecido que isto nunca importou nin á Administración, nin aos sindicatos subvencionados. Por iso, desde tempos inmemoriais o Estado español ocupou os postos máis baixos da OCDE de persoal de enfermaría por cada mil habitantes (5,7 en 2019).

En 2013, traducimos o documento «Os ratios de cadro de persoal de enfermeiros/as salvan vidas e devolven aos enfermeiros/as ao seu lugar xunto ao paciente»1, onde se recollía a loita dos sindicatos en California (primeiro Estado en aprobar unha lei de ratios, en 1999, tras anos de mobilizacións). Loita sindical que permitiu un incremento dos cadros (arredor de 80.000 postos de traballo novos en 8 anos) e a redución do gasto hospitalario ao reducirse os efectos adversos, reingresos, etc.

California. A Lei de Ratios de Cadros de Persoal Seguros de enfermeir@s necesitou anos de loitas para ser aprobada e está en vigor desde 1999, facéndose efectiva en todas as UCIs en xaneiro de 2004, malia os continuos esforzos da industria hospitalaria por derrogala. Os seus efectos foron o aumento da calidade na atención ao paciente e a selección e conservación de persoal nos hospitais de California (o número de enfermeir@s incrementouse nun 30%).

A aplicación dos ratios demostrou ser rendible. En California reducíronse os custos nos hospitais, ao rebaixar o gasto en enfermeir@s temporais e en horas extra, diminuír a rotación de persoal e acurtar a estancia hospitalaria, así como ao mellorar os coidados aos pacientes.

Tamén o Estado de Victoria (Australia) ten regulación ao respecto, posto que adoptou os ratios enfermeir@-paciente en 2000, despois do que experimentou un incremento do 24,1% no número de enfermeir@s en activo.

A situación no Estado español é de absoluta vulnerabilidade e falta de seguridade. Danse situacións cotiás en quendas de noite e días festivos dunha enfermeira a cargo de 18 pacientes2 en hospitalización e é habitual dabondo traballar con máis de 2.000 en atención primaria, produto da visión curtopracista de xerentes e políticos, centrados no aforro inmediato e o cumprimento dos obxectivos economicistas.

Por outro lado, disparouse o número de universidades privadas, mentres que miles de profesionais formados con diñeiro dos nosos impostos nas públicas non atopan traballo estable e moitos acaban emigrando para cubrir as necesidades dos países máis ricos de Europa. A xogada perfecta, nós formámolos, eles aforran os gastos de formación e despois lévanos.

Os ratios en California desde 2004

Estes son os ratios mínimos. Os hospitais deben incrementar os seus cadros de persoal en función das necesidades dos seus pacientes.

Coidados intensivos1:2
Coidados intensivos neonatais1:2
Sala de operacións1:1
Sala de recuperación postanestésica1:2
Paridoiro1:2
Preparto1:4
Postparto parellas1:4
Postparto só mulleres1:6
Pediatría1:4
Urxencias1:4
Pacientes de UCI en Urxencias1:2
Pacientes de traumatoloxía en Urxencias1:1
Coidado intermedio1:3
Telemetría1:4
Médico-cirúrxico1:5
Outras especialidades1:4
Psiquiatría1:6

É neste contexto, sen mobilizacións de ningún tipo, cando se está tramitando no Congreso a «Lei de ratios de enfermaría»3, que supón un avance respecto ao caos actual, pero que consideramos insuficiente e parcial, por varios motivos:

  • Estamos a favor dunha lei de ratios para todas as categorías (médicos, fisioterapeutas, matronas, auxiliares de enfermaría…), como única forma de garantir un sistema de coidados adecuado. A parcialización e o corporativismo son o principal handicap para crear un sistema sanitario de calidade.
  • Faltan moitos servizos que non quedan regulados expresamente (urxencias, paridoiro, pediatría).
  • Non establece con claridade se será aplicable a todas as quendas, incluídas noites e festivos.
  • En primaria establécese un máximo de 1.500 pacientes, o que en zonas rurais é directamente un despropósito. Faltan por especificar moitos aspectos en AP.
  • Demórase nun ano desde a súa aprobación o establecemento de ratios para o Sector Sociosanitario, o máis necesitado de regulación dado o caos existente nel, como se demostrou coa masacre das residencias.
  • Deixa nas mans dos propios servizos de inspección das CC AA o control do seu cumprimento. Sobre isto, facemos énfase en que a administración pública sempre foi quen máis incumpriu a normativa laboral en aspectos tan importantes como a temporalidade e a precariedade dos cadros de persoal. Por iso, a súa implementación exclusivamente a partir destes organismos prodúcenos incerteza e desconfianza.
  • Establécese un prazo de 18 meses para que os centros sanitarios e sociosanitarios notifiquen o cumprimento dos ratios de enfermeir@s mínim@s establecidos.
  • Deixa en suspenso a aplicación da lei en estados de alarma, excepción, sitio, emerxencia e catástrofes.
  • Por último, se comparamos con California o ratio en planta de hospitalización é de 1:5, aquí establécese «como regra xeral» en 1:6, podendo aumentarse até 1:8.
  • En California en UCI é 1:2, aquí increméntase a 1:3 en coronarias.
  • En reanimación postcirúrxica, que é de 1:2, aquí establécese en 1:3.

Desde CAS defendemos que a aprobación de leis sen mobilización dos interesados (persoal de enfermaría e pacientes) nos fai dubidar do seu desenvolvemento real. Non é o primeiro caso de leis «progresistas» que despois non son aplicadas na súa totalidade. Así e todo, preséntanse varias cuestións:

  • Non existe memoria económica que garanta o seu cumprimento. A creación de 100.000 postos de enfermaría podería chegar arredor dos 3.500 millóns de €, algo difícil nun contexto de redución de ingresos públicos.
  • Podería vir acompañada dun posible recorte da dotación de auxiliares de enfermaría e de persoal non sanitario.
  • Realización de medias entre o número de pacientes e o número total de enfermeir@s.
  • Actualmente as bolsas están practicamente baleiras en moitos puntos do Estado. Haberá persoal de enfermaría para cubriren as necesidades que se creen?
  • Garantías de aplicación. O control do cumprimento queda nas mans da propia Administración.
  • Esquécese de novo aos grandes perdedores da crise do COVID. Os nosos maiores internados en residencias, que xa sufriron a masacre da primeira vaga, ao seren excluídos da asistencia sanitaria, volven ser esquecidos. Non é tolerable que sexa normal a existencia de residencias de maiores nas que o ratio é 1 enfermeir@ : 100 internos, ou incluso residencias que no medio da pandemia non dispuxeron de persoal de enfermaría ou de medicina, e que se pospoña un ano o establecemento de ratios para o sector sociosanitario. O goberno «máis progresista da historia» e o líder que ía asaltar os ceos abandonan de novo aos nosos maiores.
  • Quedan moitos supostos sen establecer na lei.

Referencias

  1. En California as organizacións de enfermeir@s CNA (California Nurses Association – Asociación de Enfermeir@s de California) e NNOC (National Nurses Organizing Committee – Comité Nacional Organizador de Enfermeir@s) conseguiron un aumento espectacular dos cadros de persoal, grazas á Lei de Ratios de Enfermeir@-Paciente (Proxecto de Lei 394), en vigor en todas as unidades de coidados intensivos de California desde 2004. https://www.casmadrid.org/docStatic/RatioEnfermeras.pdf
  2. https://www.laopiniondemalaga.es/malaga/2016/07/13/enfermera-clinico-renuncia-quedarse-sola/863255.html
  3. https://www.congreso.es/public_oficiales/L14/CONG/BOCG/B/BOCG-14-B-6-1.PDF

Share