1.º de maio: organizar a loita para colocar a vida como prioridade social

Last modified date

A pandemia por Covid 19 actuou como detonador dunha xigantesca crise que se viña desenvolvendo hai tempo. Quince meses despois do seu inicio, malia que as súas dramáticas consecuencias esixen poñer todos os recursos da sociedade ao servizo da supervivencia colectiva, constatamos que:

  • O estoupido da crise, que aumentou a riqueza dos máis ricos até nun 86%, deixou sen traballo a millóns de persoas, moitas delas sen contrato e polo tanto sen protección social de ningún tipo. O afundimento das condicións de vida asolou os barrios obreiros e coloca ao bordo do precipicio, sen esperanza ningunha, á mocidade.
  • Tamén a Covid 19, como todas as epidemias ao longo da historia, golpeou masivamente á clase obreira na que se amontoaban todos os «factores de risco». A situación é aínda máis dura para as mulleres traballadoras, nas que son máis intensas a precariedade e as difíciles condicións de vida, e nas que ademais se concentra o traballo no sector de coidados a persoas con máis risco de contaxio.

Onde vive e traballa o pobo acumúlanse as vivendas pequenas e de mala calidade, hai amoreamento nos transportes, o aire está viciado nos lugares de traballo, a xente está esgotada por longas xornadas laborais, abunda a malnutrición, etc. É alí onde se multiplica o Covid e todas as enfermidades. E non se fixo absolutamente nada para mellorar unha situación que, polo contrario, empeora día tras día.

  • Todas as decisións de todos os gobernos, central e autonómicos, todas as emerxencias e estados de alarma, puxéronse de xeonllos ante o altar sagrado da propiedade privada. O mantra secreto do negocio do capital antes que a vida imponse con man férrea: os despedimentos son masivos, os desafiuzamentos continúan, os cortes de auga, gas e luz por impago seguen producíndose, o fracaso escolar cébase na mocidade e xubilados e pensionistas, pasto dun exterminio programado nas residencias, axudan a sobrevivir coas súas precarias pensións ao conxunto da familia.
  • Os Fondos de Reconstrución da UE, tal e como acordaron todos os gobernos, irán a parar á «colaboración público-privada», é dicir, a aseguradoras privadas e grandes multinacionais. E eses miles de millóns de cartos públicos, que pagaremos todos como Débeda, chegarán a condición de novas contrarreformas laborais e máis recortes e privatizacións nas pensións e servizos públicos.
  • Trala hipocrisía dos aplausos e as gabanzas, a sanidade pública continúa o seu desmantelamento en plena pandemia, a maior gloria do negocio da privada. Nin un euro dos gastos extraordinarios foi a aumentar os recursos públicos que xa agoniaban tralos recortes de 2008 que nunca se recuperaron. Todo o contrario. Co pretexto da «emerxencia» adxudicáronse a dedo todo tipo de contratos: rastrexadores, PCRs, vacinas, concertación con clínicas privadas das xigantescas listas de espera, etc.
  • O resultado outra vez págao a clase obreira, isto é, todos os que vivimos do noso salario. Mentres os seguros privados fan o seu agosto particular (máis de 9.000 millóns de facturación en 2020), dispárase a mortalidade evitable por diagnósticos tardíos de cancro e outras enfermidades.

Só quen non teña ollos ou neuronas non caerá na conta de que a inmensa dor das familias traballadoras polos mortos por Covid e pola destrución masiva das súas condicións de vida está sendo aproveitada ao máximo polo gran capital para encher aínda máis os seus petos con diñeiro público.

E sabemos que o peor está por vir, cando rematen os ERTEs e a desesperación de millóns sexa o caldo de cultivo para máis agresións, máis recortes e máis represión.

Basta xa de deixarse enganar con falsas esperanzas de que as cousas cambiarán cando gobernen outros. O exemplo da sanidade está ben claro: a sanidade pública afúndese mentres a privatización avanza amparada por lei como a 15/97, aprobadas conxuntamente por PP, PSOE, PNV, CiU e Coalición Canaria. Os novos, Unidas Podemos nas súas diferentes versións, ERC, Bildu, etc., aínda non fixeron nada para cambiar a situación. Ademais, tras ano e medio de goberno «progresista», non se tocaron nin a reforma laboral nin a lei mordaza, nin sequera «nos seus aspectos más lesivos», mentres o Ingreso Mínimo Vital nin sequera alcanza a ser testemuñal.
A dolorosa experiencia vivida e o que se aveciña impídennos seguir enganándonos.

Só a forza organizada do pobo pode colocar as prioridades da vida por diante dos negocios do capital.

Organizar a loita para recuperar o que é noso: ese é o único camiño.

Share