Que está pasando coa sanidade pública? Quen son os responsables?
- Máis dun ano despois do comezo da pandemia, o deterioro da sanidade pública é cada día maior. Antes de empezar co COVID xa estaba colapsada tras décadas de recortes e privatizacións. O persoal sanitario, aplaudido hai uns meses, agora está esgotado e desmoralizado.
- A maior parte do diñeiro foi parar a empresas privadas: vacinas, rastrexadores, probas diagnósticas, fármacos de dubidosa eficacia e hospitais innecesarios, mentres permanecen cerradas miles de camas en hospitais públicos.
- Outro tanto vai suceder cos Fondos Europeos: irán engrosar negocios privados e despois pagarémolos nós como Débeda.
- Ante as enormes listas de espera que producen mortes evitables por diagnósticos tardíos (o 20% dos cánceres), lonxe de reforzar a sanidade pública, os gobernos aumentan os contratos das patoloxías máis rendibles coa sanidade privada.
- As demoras na atención sanitaria pública levaron a moita xente desesperada a facerse pólizas con aseguradoras privadas. Estas, en 2020, gañaron máis diñeiro que nunca: 9.000 millóns de facturación e once millóns de clientes. Case 1 de cada 4 persoas ten un seguro privado a nivel estatal.
- Nas residencias de maiores, case todas privadas e con condicións penosas, producíronse case a metade das mortes totais por COVID. As denuncias das familias por deixaren morrer aos seus seres queridos son arquivadas polos xuíces.
- Mentres as patentes protexen os multimillonarios negocios das multinacionais farmacéuticas, os gobernos non adoptaron medidas preventivas e de saúde pública básicas como a actuación sobre o amoreamento en vivendas e transportes, detección precoz e illamento de casos, etc.
En resumo:
- Asistimos ao desmantelamento da sanidade pública e ao saqueo dos fondos públicos para que a empresa privada faga, máis que nunca, o seu agosto.
- Non só se trata dun roubo, senón tamén dun crime, porque o pagamos coa nosa saúde e as nosas vidas.
- Este ataque cotián aos nosos dereitos realízase ao abeiro de leis estatais votadas pola dereita e a suposta esquerda e coa complicidade directa de gobernos de todas as cores políticas.
Só a resistencia e a mobilización popular poden pór fin a estes excesos.
En defensa da sanidade pública: fóra as empresas da sanidade!
